28 de febrero de 2014

O Terceiro Sector de Acción Social galego reúnese coa Conselleira de Traballo e Benestar

Representantes da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), na que está incluida Ecos do Sur, mantiveron hoxe un encontro coa Conselleira de Traballo e Benestar para analizar a situación de temas como a Lei de Inclusión, a xestión dos Fondos Estruturais 2014 a 2020 e a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública de servizos sociais.

Sobre este último asunto, dende EAPN-Galicia pedíuselle á Conselleira que seguindo a futura directiva europea de contratación pública, a resolución unánime do Parlamento de Galicia ou o compromiso do presidente da Xunta, comecen a incluír nos seus contratos cláusulas sociais, para que as entidades non lucrativas do Terceiro Sector poidan concorrer en igualdade de condicións na contratación publica.
As organizacións non gobernamentais, polo seu traballo directo coas persoas, son as que mellor coñecen as necesidades e os apoios que deben prestarse e isto supón desaproveitar un coñecemento moi útil para conseguir unha actuación realmente eficaz e eficiente baseada na calidade dos servizos. Neste senso, a Conselleira comprometeuse a falar co presidente da Xunta e coas Consellerías de Sanidade e Educación para tentar modificar esta situación.

Respecto á Lei de Inclusión, dende EAPN-Galicia faise unha valoración positiva, xa que se incorporaron moitas das súas demandas, pero pídese á Xunta que ‘non quede en papel mollado’ e que realmente sexa un instrumento útil para loitar contra a pobreza. Dende a Rede amosan a súa preocupación polo aumento da pobreza e a exclusión (case 640.000 persoas en Galicia) e piden que se destinen máis recursos e profesionais á aplicación desta Lei. "O noso obxectivo non é subvencionar ás persoas pobres, senón erradicar a pobreza e a desigualdade”, refire Silva.


Xa por último, na xuntanza tamén se falou sobre o deseño, xestión e control dos Fondos Comunitarios da Unión Europea de cara ao período 2014-2020. Dende EAPN-Galicia, como representantes de 125 entidades do terceiro sector de Galicia, demándase á Xunta estar presentes neste organismo de coordinación, co obxectivo de que os fondos europeos sirvan para lograr a redución da pobreza e a exclusión social que marca Bruxelas na súa Estratexia 2020. Unha idea que comparte Beatriz Mato e que lle trasladará tamén á Conselleira de Facenda. Para David Silva, “só dende o diálogo, o intercambio de experiencias ou coñecementos e a transparencia podemos conseguir que a inclusión social e a loita contra a pobreza sexa a prioridade de todos e todas e ser un referente de xestión”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario