Representantes da Rede
Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), na que está incluida Ecos do Sur, mantiveron hoxe un encontro coa
Conselleira de Traballo e Benestar para analizar a situación de temas como a Lei de Inclusión, a xestión dos Fondos
Estruturais 2014 a 2020 e a inclusión de cláusulas sociais na
contratación pública de servizos sociais.
Sobre este último
asunto, dende EAPN-Galicia pedíuselle á Conselleira que seguindo a
futura directiva europea de contratación pública, a resolución
unánime do Parlamento de Galicia ou o compromiso do presidente da
Xunta, comecen a incluír nos seus contratos cláusulas sociais, para
que as entidades non lucrativas do Terceiro Sector poidan
concorrer en igualdade de condicións na contratación publica.
As
organizacións non gobernamentais, polo seu traballo directo coas
persoas, son as que mellor coñecen as necesidades e os apoios que
deben prestarse e isto supón desaproveitar un coñecemento moi útil
para conseguir unha actuación realmente eficaz e eficiente baseada
na calidade dos servizos. Neste
senso, a Conselleira comprometeuse a falar co presidente da Xunta e
coas Consellerías de Sanidade e Educación para tentar modificar
esta situación.
Respecto á Lei de
Inclusión, dende EAPN-Galicia faise unha valoración positiva, xa
que se incorporaron moitas das súas demandas, pero pídese á
Xunta que ‘non quede en papel mollado’ e que realmente
sexa un instrumento útil para loitar contra a pobreza. Dende a Rede
amosan a súa preocupación polo aumento da pobreza e a exclusión
(case 640.000 persoas en Galicia) e piden que se destinen máis
recursos e profesionais á aplicación desta Lei. "O noso
obxectivo non é subvencionar ás persoas pobres, senón erradicar a
pobreza e a desigualdade”, refire Silva.
Xa por último, na
xuntanza tamén se falou sobre o deseño, xestión e control dos
Fondos Comunitarios da Unión Europea de cara ao período 2014-2020.
Dende EAPN-Galicia, como representantes de 125 entidades do terceiro
sector de Galicia, demándase á Xunta estar presentes neste
organismo de coordinación, co obxectivo de que os fondos europeos
sirvan para lograr a redución da pobreza e a exclusión social que
marca Bruxelas na súa Estratexia 2020. Unha idea que comparte
Beatriz Mato e que lle trasladará tamén á Conselleira de Facenda. Para
David Silva, “só dende o diálogo, o intercambio de
experiencias ou coñecementos e a transparencia podemos conseguir que
a inclusión social e a loita contra a pobreza sexa a prioridade de
todos e todas e ser un referente de xestión”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario