21 de septiembre de 2017

¿Qué di o informe da Fiscalía sobre os delitos de odio?

Dende o proxecto CibeRespect traballamos nos últimos días na revisión da Memoria da Fiscalía Xeral do Estado, recentemente publicada. O documento recolle diversas conclusións en materia de criminalidade informática e, en concreto, sobre os delitos de odio que cada vez máis a cotío dendesenvólvense a través das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A continuación resumimos os puntos máis destacables

O concepto de delito de odio inclúe agresións e tamén discursos que inciten ao odio. Deste modo, a Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI) indica que a incitación ao odio fai referencia a «…todas as formas de expresión que propagan, incitan, promoven ou xustifican o odio racial, a xenofobia, o antisemitismo e outras formas de odio baseadas na intolerancia, entre outras, a intolerancia expresada polo nacionalismo agresivo e o etnocentrismo, a discriminación e a hostilidade contra as minorías, los inmigrantes e as persoas de orixe inmigrante».

A Memoria da Fiscalía destaca que a utilización das TIC para a realización destes actos dá lugar tanto á organización de grupos de ideoloxía intolerante e violenta como á sinxela difusión inmediata da súa ideoloxía de odio, a cal soe gozar dunha inxusta impunidade debido á dificultade da investigación nesta materia. O documento incide na perigosidade destes actos e na necesidade de seguir investigando e intervindo para acadar respostas efectivas.

Por outra banda, diferentes partidos políticos a nivel internacional están empregando discursos de odio, un asunto de gravidade debido á posición de poder dos interlocutores e á facilidade de expansión de dito discurso. É crucial que a clase política renuncie aos discursos que poidan incitar a intolerancia, xa que estes poden ter fondos efectos na poboación, e  complicar a convivencia, as sociedades pluralistas e a democracia en si mesma.

Deste xeito, no informe exponse como a criminalidade informática experimentou un incremento do 32,68% do ano 2015 ao 2016, presentando un total de 1648 acusacións. Entre elas, os delitos de estafa representan a porcentaxe máis elevada, cun 45,5%. O segundo tipo de delito máis común é o de odio, o 26% do total. Pero o máis destacable é que aumentou un 82% de 2015 a 2016. Neste caso, é importante sinalar que as motivacións máis frecuentes dos delitos de odio son de corte racista e xenófobo, seguido da orientación e identidade sexual e orientación política.



Un aspecto a ter en conta é que a pesar de que nos atopamos cun aumento perigoso de delitos e discursos de odio racistas e xenófobos, pódese observar a través do Instituto Nacional de Estatística (INE) que a poboación inmigrante en España está en descenso, reducíndose en 35455 persoas no 2016, tal e como se expón na seguinte táboa:


2015
2016
Total
46.449.565
46.438.422
Españois
41.995.211
42.019.525
Extranxeiros
4.454.353
4.418.898

Fonte: Instituto Nacional de Estatística

O Informe da Plataforma Cidadá contra a Islamofobia de 2016, explica que a islamofobia é considerada unha das prácticas máis extendidas de incitación do odio na actualidade en España, existindo un aumento do 106,12% de praxis islamófobas de 2015 a 2016. Esta, ao igual que o resto de discursos de odio, presenta unha maior extensión tanto en Internet como nas Redes Sociais.

A Memoria da Fiscalía clasifica os delitos de odio en doce categorías diferentes, entre as cales as máis comúns son: os delitos con agravante, a provocación de odio/violencia/discriminación e a difusión de información inxuriosa.

Non obstante, o relevante incremento das denuncias dos delitos de odio, aínda que pareza imposible trae consigo algún aspecto positivo, xa que indica que existe certa mellora na detección de casos de incitación do odio e no perfeccionamento dos procesos de veracidade das denuncias e da identificación das persoas autoras. Desta forma, apréciase que parte do aumento das denuncias non veu dado directamente polo incremento dos actos delitivos, senón do esforzo por identificar e intervir nas presentes situacións. Outro aspecto qué inflúe positivamente é o traballo desenvolvido polo terceiro sector e as relacións creadas entre este e as institucións públicas para ofrecer respostas efectivas a esta realidade.

Asemade, as relacións entre as diversas seccións da Fiscalía tamén son imprescindibles para tratar estas situacións, xa que, tal e como se mostra na Memoria, un gran número dos delitos de discriminación e contra a igualdade son cometidos por menores de idade, polo que é precisa unha directa colaboración ca sección de Menores. Outra relación crucial é coas Oficinas de Asistencia ás Vítimas, tanto para derivar ás vítimas de delitos de odio ás mesmas como por tratarse doutra fonte de coñecemento necesario.

En canto á formación para combater os actos de incitación ao odio, o documento expón que, é necesario potenciala, especialmente para Xuíces, Fiscais, Avogados, Administracións públicas, Forzas e Corpos de Seguridade, Asociacións de Vítimas, entre outros, xa que non é suficiente a actual.

Por último, mencionar que o TEDH  (Tribunal Europeo de Dereitos Humanos) aboga pola necesidade das sociedades democráticas de intervir sancionando e desenvolvendo formas preventivas de aquelas expresións que inciten o odio. Non se trataría do castigo da expresión dunha idea en si, senón de que ditas expresións infrinxen dereitos tan esenciais como a dignidade humana e a non discriminación, recollidos na Constitución Española. Con todo isto, e debido á perigosidade destas inxustizas, é totalmente pertinente a priorización da loita contra o discurso racista e xenófobo por parte das autoridades.

Inés Mosquera Costa, alumna en prácticas do Máster de Políticas Sociais e Intervención Socio Comunitaria da UdC

No hay comentarios:

Publicar un comentario