23 de marzo de 2008

Gracias Herwig y Theresa. No os olvidaremos.!!.....

HERWIG SCHINNERL, ANTROPÓLOGO
“Os chechenos seguen a fuxir da súa patria” “Os máis pobres son os nenos. Aproximadamente 25.000 son orfos e 19.000 teñen discapacidades como consecuencia da guerra, o noventa por cento teñen problemas psíquicos e o corenta por cento aínda non teñen a posibilidade de acceder ó ensino”. Así analiza o antropólogo austríaco Herwig Schinnerl –que fai prácticas nunha ONG galega– a situación de crise que se vive en Chechenia, un país aplastado pola indiferencia

O antropólogo social e cultural Herwig Schinnerl da Universidade de Viena chegou á Coruña a finais do 2007 para facer prácticas laborais na ONG Ecos do Sur, a través do Programa Leonardo Da Vinci. Preocupado pola situación de violación dos dereitos humanos que sofren dende hai décadas os chechenos, este austríaco analiza que pasará despois das eleccións rusas con Putin.

‘Ecos do Sur’, unha organización independente galega, foi fundada no 1991 e dedicada a difundir as dificultades dos países do Sur, ¿en que consiste o seu traballo?

Estou en España desde finais de setembro do 2007 e continúo facendo as prácticas na ONG Ecos do Sur. Eu fago principalmente entrevistas de acollida a inmigrantes de Latinoamérica, de África e de Europa do Leste. Ademas determino que axudas necesitan e, se buscan traballo, explico as ofertas. É un traballo que me gusta moito, especialmente como antropólogo cultural.

A súa especialidade como antropólogo social é o conflito en Chechenia, ¿cal é a situación actual neste país?

Principalmente a situación na republica de Chechenia é máis estable que hai uns anos pero hai moitas rexións onde aínda existen problemas humanitarios severos e tamén os asaltos de rebeldes ocorren regularmente. Os mais pobres son os nenos. Aproximadamente 25.000 son orfos e 19.000 teñen discapacidades como consecuencia da guerra, o noventa por cento teñen problemas psíquicos e o corenta por cento aínda non teñen a posibilidade de acceder ó ensino. Polo tanto moita xente de Chechenia só ve unha solución para a súa situación: a fuxida da súa patria. E para os chechenos a súa patria, o chan dos seus antecesores, é moi importante. Con todo fuxiron aproximadamente 15.000 persoas cara a Europa Occidental no segundo semestre do 2007.

¿Que papel xoga o presidente checheno?

Ramsan Kadyrow de feito é o líder da república desde o asasinato do seu pai no 2004, oficialmente el é o presidente desde hai un ano. O liderado de Kadyrow está baseado nun clima de medo. Ten un exército privado de entre 10.000 e 20.000 vasalos que se chama ‘Kadyrowtsi’, entre eles, moitos ex rebeldes. ONG’s de dereitos humanos rusos así como internacionais repróchanlle a este exército violacións dos dereitos humanos. Pero é moi perigoso criticar a situación actual en Chechenia: a censora máis coñecida de Ramsan Kadyrow e do seu liderado era a xornalista rusa Anna Politkovskaya que foi asasinada en outubro do 2006. Témome que Kadyrow será o líder de Chechenia por moitos anos, salvo se o novo presidente de Rusia ten outros plans. Nas eleccións ós parlamentos rusos en Chechenia houbo tamén un referendo segundo o que o presidente da república pode continuar a súa presidencia sen limitación.

Hai anos manexábanse datos de que uns 200.000 refuxiados chechenos vivían en campos de acollida en Ingushia, ¿cal é a situación a día de hoxe?

Agora mesmo non hai campos de acollida e só uns poucos refuxiados chechenos viven en Ingushia. Pero durante os conflitos abertos entre 1994 e 1996 así como entre 1999 e 2001 viviron aproximadamente 250.000 ou 300.000 refuxiados chechenos nestes campos de acollida en Ingushia. As reaccións da comunidade internacional lamentablemente foron moi reservadas. En realidade, os políticos do Oeste non quixeron arriscarse por se as relacións con Rusia empeoraban. E especialmente Putin é moi sensible con respecto a Chechenia, xa que para el era algo interno de Rusia. Doutra banda dixo que se trata dunha loita contra o terrorismo, de aí que Rusia sexa un aliado dos EEUU. Sergej Kowaljew, o ex disidente e infatigable defensor de dereitos humanos en Chechenia, díxome con respecto ó traballo de organizacións internacionais estatais: "A política destas organizacións finalmente sempre é a política dos estados, ese é o principio das organizacións internacionais estatais. Rusia é membro do consello de seguridade da ONU, un dos cinco estados. ¿Como podería algunha parte da ONU traballar no Cáucaso do norte –que é efectivamente territorio ruso– sen mirar ó liderado ruso?". Por desgraza Kowaljew tivo razón.

¿Cales son as violacións dos dereitos humanos que sofren os chechenos?

Ese é o problema máis grande do conflito xa que houbo e aínda hai violacións dos dereitos humanos como secuestros, asasinatos e torturas arbitrarias. Non hai cifras seguras das vítimas pero son moitas. Agora cada vez hai máis e máis acusacións contra o estado de Rusia no tribunal europeo dos dereitos humanos en Estrasburgo. Pero moitas vítimas de violacións dos dereitos humanos non se atreven a ir ó tribunal porque temen violencia da policía que en realidade son os Kadyrowtsi. Xa que logo non existe a posibilidade de asimilar a guerra, o inferno en que moita xente vivía.

¿Que importancia ten o petróleo no conflito aberto con Rusia pola independencia de Chechenia que comezou xa no século XVIII?

O conflito comezou no1785 e en xeral sempre foi un conflito debido a distintos intereses e razóns: relixiosos, políticos e estratéxicos. Ao principio, en primeiro lugar, a relixión foi a razón pola que os chechenos loitaron un ghazawhat que significa o equivalente de dshihad (nos anos 1785 e 1786 baixo o poder do xeque Mansur e na Guerra do Caucaso no século XIX baixo o Imam Schamil).

O punto culminante triste na historia do conflito checheno-ruso foi a deportación de 500.000 chechenos e ingushos a Asia Central no 1944 baixo o mandato de Stalin por suposta colaboración cos alemáns. Para as guerras da actualidade hai razóns diferentes. Principalmente en 1990-1991 os presidentes Jelzin e Dudajew foron uns ineptos á hora de negociar e a parte diso houbo moitas persoas que quixeron esta guerra. Despois desenvolveuse unha economía de guerra en Chechenia, co comercio de petróleo e armas ilegais, secuestros, roubos da axuda humanitaria... Xa que logo o petróleo tiña importancia. Ademais hai unha tubaxe importante no territorio checheno que Rusia por suposto non quixo perder.

¿Que supuxo a masacre de Beslan coa morte de centos de nenos?

Para a rexión do Cáucaso do norte o terror de Beslan no 2004 –onde morreron centos de nenos– foi un trauma moi grande. Eu mesmo estiven en Beslan en 2006, exactamente dous anos despois da catástrofe, e vivíase un ambiente moi tenso. Eu creo que a xente de Ossetia (Beslan está situado na republica de Ossetia do Norte) aínda non entende que ocorreu o primeiro de setembro do 2004, pois tiveron que morrer nenos inocentes só porque Putin non tivo o valor de negociar.

¿Que ocorrerá en Chechenia logo das presidenciais de marzo deste ano, cando previsiblemente Putin conclúa o seu mandato? ¿Podería abrirse unha esperanza para que conseguise a independencia?

As presidenciais de marzo non van cambiar nada. Aínda que Putin conclúa o seu mandato provisionalmente (nas próximas presidenciais podería presentarse de novo), efectivamente o novo presidente continuará a política de Putin. Non vexo a posibilidade da independencia de Chechenia, ademais non hai moito apoio dentro da poboación que quere en primeiro lugar vivir en paz. Pero en efecto temo que non é moi probable que haxa paz por moito tempo na rexión, porque hai tensións relixiosas e étnicas e a xente esta insatisfeita. A situación en Grosny, a capital chechena, parece a primeiro vista moi optimista; hai moito reconstruído como o aeroporto, as rúas, os edificios oficiais, pero efectivamente a poboación está abandonada e explotada. Segundo
unha enquisa da axencia de informacion Caucasustimes en Grosny en novembro do ano pasado o 57 % da xente consultada consideraba que unha guerra nova en Chechenia era posible e 60 % di que non houbo un aumento da seguridade en Chechenia dende que Kadyrow é presidente.

¿Cal sería unha posible solución á crise permanente da poboación chechena?

Como toda rexión onde ocorreu un conflito, Chechenia e a súa poboación necesita tempo en paz, tempo sen violacións dos dereitos humanos. É importante que os chechenos constrúan unha sociedade nova porque hai moitas persoas mortas, fuxidas e desaparecidas e ademais moitos nenos sen educacion adecuada. Pero como a situación está de momento non hai moita esperanza de que mellore. Segundo a miña valoración, baixo Kadyrow é difícil porque é un tipo autoritario e a maioría da poboación chechena non confía nel. Por exemplo, hai moitas familias de desaparecidos que teñen medo de denunciar as violacións dos dereitos humanos porque moitas outras persoas que o fixeron de-
sapareceron tamén, presuntamente deportadas de Kadyrowtsi. Hai que atopar un líder checheno (dun clan influente) no que a xente confíe, que sexa capaz de terminar co clima do medo. Ademais hai que construír unha sociedade chechena e unha sociedade civil, onde é importante incluír tamén a diáspora chechena: a maioría dos intelectuais fuxiu do conflito. É necesario que haxa a posibilidade de asimilar o que aconteceu durante os conflitos desde 1991. Lamentablemente baixo Kadyrow estas propostas non se realizan.

¿Cales son os principais problemas aos que se enfrontan os países desa rexión caucásica?

Neste momento o problema máis grande da rexión non é principalmente Chechenia senón as súas repúblicas veciñas Ingushia e Dagestan onde ocorren cada vez máis casos de extremismo relixioso e fundamentalismo, literalmente dos Wahhabitas (que seguen un Islam moi estritamente). O desenvolvemento completo do Cáucaso do Norte sera o maior reto para o próximo presidente ruso.

Fonte:
GALICIA-HOXE.com .

No hay comentarios:

Publicar un comentario